Conxunto de Hospital de O Incio

Hospital

 

Unha das grandes marabillas de Galicia, das mellor coidadas e gobernadas. Obra prima do Románico.IGREXA DE SAN PEDRO FIZ DE HOSPITAL , séculos XII-XIII. Di a lenda que o demo a construíu nunha soa noite. Forma parte dun conxunto monumental construído pola orde militar de San Juan de Jerusalén.

 

Trátase dun conxunto feito con cachotería de pedra caliza e mármore da zona, de gran calidade ambos. Nave rectangular con frontal formado por unha gran portada protexida e á vez decorada por dous robustas pilastras; sobre éstas, amplio arco abocinado e composto por catro arquivoltas tóricas separadas por escocias. Na parte superior, tímpano monolítico coa Cruz de Malta a modo de blasón. Sobre a portada, gran ventá con amplio derrame interior abocinado na parte exterior.

 

Aínda que a portada principal é de gran beleza, se cadra o sur, acubillada por un pórtico, chama máis a atención. A ábsida foi concluida e pódese dicir que é pura e simplemente “a perfección” . É pentagonal ó interior e semicircular ó exterior, con tres xanelas decoradas con arquivoltas e no tejaroz, canzorros. Ó interior bóveda de cañón, tripartita na cabeceira. A decoración é moi sinxela, xeometrizada e vexetal, moi estilizada. É singular polas súas duas torres exentas, probablemente de orixe militar. A da zona norte é hoxe campanario. A do sur, moi rebaixada, conserva unha xaneliña gótica e é o Panteón familiar dos Quiroga. No atrio, unha sinxelísima lousa que foi colocada cando se retiraron os restos mortais do antigo cemiterio: “a tódolos nosos antergos, dos que herdamos as terras, a fe e a fala”.

 

A igrexa está declarada BEN DE INTERESE CULTURAL CON CATEGORIA DE MONUMENTO HISTÓRICO ARTÍSTICO, RD 1761/1981

 

Dentro encóntrase o SARTEGO DE FREI ALONSO DE QUIROGA . O dicir popular afirma que o día que alguén levante a tapa de mármore, caerase a igrexa. Baixo un arcosolio gótico no muro norte, excelente sepulcro marmóreo ca estatua xacente de Álvaro ou Alonso de Quiroga, comendador do Incio e Portomarín. No pavimento hai varias laudas sepulcrais.

 

No frontis dous contrafortes, e no medio a porta principal, de estilo románico con catro arquivoltas, tímpano alintelado decorado con escudo ca cruz de Malta, columnas de fustes monolíticos e capiteis vexetais

 

A actual sancristía e o cemiterio estiveron ocupadas pola hospedería e o hospital de peregríns

 

Tamén Virxen románica , un Cristo xa pouco goticista e o que parece un fragmento de retablo marmóreo prerrománico que representa a Cristo crucificado

 

1Palabras de Darío Xoán Cabana, en "Guía da provincia de Lugo". Ed. Galaxia.